17.6.17

AeA 17

Alégranos dicir que xa podedes disfrutar de AeA 17 tanto en formato físico como en formato online (2https://issuu.com/revistaaquieagora/docs/aea_2017).
Deixámosvos aquí a edición que abre este ano a revista! Esperamos que a disfrutedes!


Liberdade. Que bonita palabra. Canto promete, canto fai soñar…pero realmente algún día poderemos experimentala? Creo que todos vivimos atrapados tras un muro que acaba por ser un lugar onde agocharnos, un refuxio. E é que detrás del, todo nos queda demasiado lonxe. A excusa perfecta para quedarnos á marxe dos problemas alleos. Queixámonos continuamente de todo o que a sociedade nos impón, pero en certa medida, seguirlle a corrente axúdanos a permanecer na nosa zona de confort. Saltar as barreiras nunca é doado e non sempre nos interesa.
Querido lector, querida lectora, se estás a ler isto acabas de sobrepasar un aramado. Quizais sexa máis metafórico do que me gustaría, pero espero que nestas follas leas artigos con palabras libres. Porque un ano máis, nós non nos calamos. Seguímonos queixando, opinando sobre diversos temas, informando e falando de política. Sen deixar de lado aqueles artigos dirixidos máis ao entretemento, porque hai valados de moitos tipos e tamén é importante derrubar de vez en cando aquelas barreiras que nos fan ser distantes. Por iso, tampouco falta a mítica sección do “Dime que”, algunha que outra entrevista, ou as  fotos a modo de  lembranzas.
Hoxe en día, non facemos máis que poñernos barreiras. A nós mesmo e aos demais. Un día é unha fronteira en Melilla, mañá un muro levantado por Trump e dentro dunha semana es ti dicíndote a ti mesmo que non merece a pena loitar. Así que, xa que AeA me cede a palabra un ano máis, apetéceme dicir que quedarse á marxe e ver a vida pasar detrás dun arame, non debería ser unha opción. Que, calquera cousa, por moi insignificante que poida parecer, como esta revista, é importante para mover o mundo.

Laura López Pereiro

Maio 2017

Ningún comentario: